lunes, 5 de mayo de 2008

O PROXECTO DE DECRETO DE BACHARELATO NO CONSELLO ESCOLAR DE GALICIA

O único obxectivo que ten este artigo é proporcionar información e datos sobre o proceso que seguiu o Proxecto de decreto que regula o bacharelato en Galicia no Consello Escolar de Galicia, máximo órgano de participación e consulta en materia educativa.

Antes de nada, convén recordar que no Consello Escolar están representados todos os sectores da sociedade galega a través de diferentes persoas, institucións e organizacións e que cada unha delas ten os seus mecanismos para oír e ter en conta ou non as opinións das persoas que forman parte do sector ao que representan. Por exemplo, o profesorado está representado a través dos seus representantes sindicais, os pais e nais de alumnos a través das federacións e confederacións de APAs, etc. Cada organización, polo tanto, presenta emendas, deféndeas e apoia ou non outras propostas segundo o seu propio criterio. O Consello Escolar de Galicia é a suma de todos eles. Cómpre, en calquera caso, consultar na páxina web do Consello Escolar a súa composición (organigrama).

Nove organizacións e dúas persoas a título individual presentaron un total de 152 emendas ao Proxecto de decreto de Bacharelato que a Administración educativa achegou ao Consello Escolar. Máis da metade desas emendas estaban relacionadas con aspectos do currículo das distintas materias, e especialmente coas materias de Lingua Galega e Literatura, Historia e Filosofía. Sobre o anexo II (distribución horaria) había nun primeiro momento 6 propostas de substitución.

Na Comisión Permanente do Consello Escolar de Galicia (formada por representantes do profesorado, da Administración local, dos pais e nais de alumnos, os presidentes das Comisións de Ordenación do Sistema Educativo e de Programación, Construción e Equipamento, a vicepresidenta e o secretario) elaborouse un Ditame provisorio con aquelas emendas que acadaron o consenso necesario. Incluíuse un punto no dito ditame que expresaba a preocupación do Consello Escolar de Galicia pola elaboración duns currículos demasiado extensos e inalcanzables. Tamén recollía todas as emendas presentadas referidas ao anexo I (contidos, obxectivos... de cada unha das materias) para que o equipo técnico redactor dos currículos os tivese en consideración. Garantíase así a posibilidade de que todas as achegas foran estudadas e non soamente aquelas aceptadas pola maioría. Considerouse oportuno non incluír ningunha modificación na distribución horaria para que as seis propostas presentadas foran debatidas en pleno e, dese xeito, incluír aquela que obtivese máis respaldo, aquela que lograse o maior consenso.

Na sesión plenaria do día 28 de abril debatéronse todas as emendas que as distintas organizacións presentaron (agás as relacionadas cos currículos das materias xa que todas foron incluídas no punto 13 do ditame definitivo). No caso das propostas de modificación do anexo II: distribución horaria, por decisión dos distintos emendantes, quedaron para o debate tres propostas, concretamente e por orde de presentación: a de FETE-UGT, a de CIG e a de CECE-GALICIA.

Os resultados obtidos por cada unha desas propostas foi o seguinte:

PROPOSTA:-VOTOS A FAVOR-VOTOS EN CONTRA-ABSTENCIÓNS
FETE-UGT: - 8- 14 - 8
CIG: - 3 - 23 - 6
CECE-GALICIA: -11 - 12 - 9

Como ningunha das propostas conseguiu o número de votos favorables precisos, no ditame definitivo non se incluíu ningunha modificación horaria.

Finalmente, o ditame definitivo (que se pode consultar na páxina web do Consello) foi aprobado con 19 votos favorables, 8 desfavorables e 2 abstencións.

1 comentario:

Anónimo dijo...

En resumo o traballo realizado polo Consello Escolar de Galicia limitouse a darlle pa diante o Decreto.

A Conselleira debeu quedar encantada xa que esto equivale a asinar un cheque en branco ó seu favor!

O punto 13 resulta moi revelador sobre todo se o relacionamos co punto 10. É dicir se recoñecen temarios imposibles de impartir e á vez se lle deixa que os revisen segundo o seus criterios!

En lugar de Plantar cara a un Decreto Infame que unha vez máis convertirá a Educación Pública nun cúmulo de despropósitos á hora de poñelo en práctica nas aulas.

Pero o que resulta definitivamente revelador desta sesión sen precedentes é que haxa TRES propostas horarias (ningunha alcance consenso) e decidan remitir o ditame sen HORARIOS e por riba APROBALO!

Esto é como aprobarar un exame en branco a un alumno que nin siquera se presenta!

Bonito papel dun Consello que debera velar ante todo pola CALIDADE EDUCATIVA en Galicia !

Os seus membros deberon quedar descansados polo traballo realizado!