lunes, 1 de octubre de 2007

XORNADA "A participación da comunidade educativa na mellora da calidade do ensino"

Para dar cumprida resposta a unha anónima petición podemos adiantar que o sábado 17 de novembro de 2007 desenvolveremos no salón da actos da EGAP en Santiago de Compostela a xornada sobre PARTICIPACIÓN anunciada en abril de 2007. Axiña achegaremos o programa e as follas de inscrición a todos os centros educativos; tamén daremos cumprida información a través das páxinas do Consello Escolar de Galicia no portal educativo. Podemos adiantar que na xornada de mañá faremos unha breve e sinxela presentación de todos os temas que fomos recollendo ao longo das doce xuntanzas mantidas por toda Galicia con preto de dous mil asistentes e participaremos de dous relatorios: un de Mariano Fernández Enguita , "A escola a exame" e outro de Guillermo Ballenato "Educar sen berrar". A tarde dedicarémola a desenvolver oito grupos de traballo sobre os temas máis demandados nas reunións baixo a coordinación de Florencio Luengo e Mariano Fernández Enguita para logo rematar cunha mesa de debate e conclusións moderada por Milagros Blanco Pardo, a vicepresidenta do Consello Escolar de Galicia. Como se pode observar, o noso intento é que a xornada sexa eminentemente participativa e práctica e que nos permita acadar conclusións útiles.