martes, 13 de mayo de 2008

CAMBIOS NA DISTRIBUCIÓN HORARIA DE BACHARELATO

No ditame que o Consello Escolar de Galicia lle remitiu á Administración educativa sobre o Proxecto de decreto de bacharelato non se incluíu ningunha proposta que contemplase cambios na distribución horaria, malia existir seis propostas diferentes, aínda que finalmente soamente se votaron tres. E non se incluíu porque ningunha delas acadou o número de votos favorables necesarios. Non obstante, iso non significou que o debate que se levou a cabo na sesión plenaria do Consello Escolar de Galicia pasara inadvertido. Precisamente, grazas a ese intenso debate a Administración educativa tivo en conta o punto que todas as propostas compartían: ampliación do horario de Educación Física.
Reproducimos a carta que a Administración educativa lles fixo chegar a todos os membros do Consello Escolar de Galicia.

Aos membros do Consello Escolar:

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de analizar na última semana as distintas opinións que espertou o borrador de decreto de currículo de bacharelato entre a comunidade educativa. Así, logo de avaliar as emendas presentadas a este documento no Consello Escolar de Galicia e tendo en conta o parecer xeneralizado da comunidade educativa, a Administración educativa acordou incrementar unha hora máis a materia de Educación Física, que deste xeito pasa a ter 2 horas semanais en primeiro curso de bacharelato, e establecer a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo en 2 horas semanais.

Segundo a análise realizada da reunión do Pleno do Consello Escolar de Galicia, o incremento do horario semanal de Educación Física era o común denominador de todas as emendas presentadas ao horario de bacharelato, polo que a Administración decidiu atender esta demanda logrando así un maior consenso en torno ao proxecto de decreto de currículo de bacharelato.

A Consellería de Educación quere destacar o máximo respecto que sempre tivo polas consideracións realizadas desde os distintos órganos de participación e consulta nos que está representada a comunidade educativa.

O incremento horario da materia de Educación Física xunto coa opinión de que o alumnado non debe ver incrementada a súa carga horaria semanal máis aló das 32 horas actuais son as principais consideracións nas que coinciden toda a comunidade educativa.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere lembrar que o proxecto de decreto de currículo de bacharelato regula as ensinanzas que a Lei Orgánica de Educación determina para esta etapa educativa. Neste sentido, o borrador de decreto de bacharelato reflicte unhas ensinanzas actuais e acordes coa sociedade actual.

O proxecto de decreto de currículo de bacharelato será enviado ao Consello Consultivo de Galicia para o seu informe antes de ser aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia. Segundo o calendario de aplicación da LOE, está previsto que o novo currículo entre en vigor no próximo curso 2008/2009.

Agradézolle de antemán a súa colaboración no desenvolvemento deste proxecto.

lunes, 5 de mayo de 2008

ACTAS DAS SESIÓNS DO CONSELLO ESCOLAR DE GALICIA

As actas das sesións plenarias do Consello Escolar de Galicia son aprobadas na sesión posterior á realizada, polo tanto e mentres non se desenvolva a seguinte sesión a acta (neste caso da sesión na que se debateu o Proxecto de decreto do bacharelato) non será válida. Xunto coa convocatoria de reunión todos os membros do Consello Escolar de Galicia reciben a copia da acta (provisoria) da sesión anterior para que introduzan os cambios oportunos, se os houber, e se produza así a súa aprobación, se procede.

O PROXECTO DE DECRETO DE BACHARELATO NO CONSELLO ESCOLAR DE GALICIA

O único obxectivo que ten este artigo é proporcionar información e datos sobre o proceso que seguiu o Proxecto de decreto que regula o bacharelato en Galicia no Consello Escolar de Galicia, máximo órgano de participación e consulta en materia educativa.

Antes de nada, convén recordar que no Consello Escolar están representados todos os sectores da sociedade galega a través de diferentes persoas, institucións e organizacións e que cada unha delas ten os seus mecanismos para oír e ter en conta ou non as opinións das persoas que forman parte do sector ao que representan. Por exemplo, o profesorado está representado a través dos seus representantes sindicais, os pais e nais de alumnos a través das federacións e confederacións de APAs, etc. Cada organización, polo tanto, presenta emendas, deféndeas e apoia ou non outras propostas segundo o seu propio criterio. O Consello Escolar de Galicia é a suma de todos eles. Cómpre, en calquera caso, consultar na páxina web do Consello Escolar a súa composición (organigrama).

Nove organizacións e dúas persoas a título individual presentaron un total de 152 emendas ao Proxecto de decreto de Bacharelato que a Administración educativa achegou ao Consello Escolar. Máis da metade desas emendas estaban relacionadas con aspectos do currículo das distintas materias, e especialmente coas materias de Lingua Galega e Literatura, Historia e Filosofía. Sobre o anexo II (distribución horaria) había nun primeiro momento 6 propostas de substitución.

Na Comisión Permanente do Consello Escolar de Galicia (formada por representantes do profesorado, da Administración local, dos pais e nais de alumnos, os presidentes das Comisións de Ordenación do Sistema Educativo e de Programación, Construción e Equipamento, a vicepresidenta e o secretario) elaborouse un Ditame provisorio con aquelas emendas que acadaron o consenso necesario. Incluíuse un punto no dito ditame que expresaba a preocupación do Consello Escolar de Galicia pola elaboración duns currículos demasiado extensos e inalcanzables. Tamén recollía todas as emendas presentadas referidas ao anexo I (contidos, obxectivos... de cada unha das materias) para que o equipo técnico redactor dos currículos os tivese en consideración. Garantíase así a posibilidade de que todas as achegas foran estudadas e non soamente aquelas aceptadas pola maioría. Considerouse oportuno non incluír ningunha modificación na distribución horaria para que as seis propostas presentadas foran debatidas en pleno e, dese xeito, incluír aquela que obtivese máis respaldo, aquela que lograse o maior consenso.

Na sesión plenaria do día 28 de abril debatéronse todas as emendas que as distintas organizacións presentaron (agás as relacionadas cos currículos das materias xa que todas foron incluídas no punto 13 do ditame definitivo). No caso das propostas de modificación do anexo II: distribución horaria, por decisión dos distintos emendantes, quedaron para o debate tres propostas, concretamente e por orde de presentación: a de FETE-UGT, a de CIG e a de CECE-GALICIA.

Os resultados obtidos por cada unha desas propostas foi o seguinte:

PROPOSTA:-VOTOS A FAVOR-VOTOS EN CONTRA-ABSTENCIÓNS
FETE-UGT: - 8- 14 - 8
CIG: - 3 - 23 - 6
CECE-GALICIA: -11 - 12 - 9

Como ningunha das propostas conseguiu o número de votos favorables precisos, no ditame definitivo non se incluíu ningunha modificación horaria.

Finalmente, o ditame definitivo (que se pode consultar na páxina web do Consello) foi aprobado con 19 votos favorables, 8 desfavorables e 2 abstencións.

lunes, 21 de abril de 2008

TRANSPARENCIA E PARTICIPACIÓN

Nestes momentos, o Consello Escolar de Galicia está a seguir o proceso de elaboración dun ditame sobre o Proxecto de decreto de bacharelato. Os membros (11 entidades representadas no Consello) do pleno presentaron ata estes momentos 148 emendas ao dito Proxecto. A finais do mes de abril reunirase o Consello Escolar en sesión plenaria para elaborar o ditame definitivo sobre o Proxecto de decreto. Non lle corresponde ao Consello Escolar de Galicia facer pública a postura que cada entidade, institución, colectivo ou organización representada nel manteñen. Cando o pleno do Consello Escolar aprobe definitivamente o seu Ditame sobre o Proxecto, farase público e estará ao dispor de toda a comunidade na súa páxina web (como acontece con todos os seus ditames). Se alguén desexa saber cal é a postura, as emendas, suxestións... concreta de calquera das organizacións representadas no máximo órgano de consulta e participación de Galicia en materia educativa, terá que dirixirse a elas. Transparencia e participación non significa proporcionar datos e posturas de réxime interno que non dependen do Consello e si de cada entidade ou persoa que as presenta.