martes, 13 de mayo de 2008

CAMBIOS NA DISTRIBUCIÓN HORARIA DE BACHARELATO

No ditame que o Consello Escolar de Galicia lle remitiu á Administración educativa sobre o Proxecto de decreto de bacharelato non se incluíu ningunha proposta que contemplase cambios na distribución horaria, malia existir seis propostas diferentes, aínda que finalmente soamente se votaron tres. E non se incluíu porque ningunha delas acadou o número de votos favorables necesarios. Non obstante, iso non significou que o debate que se levou a cabo na sesión plenaria do Consello Escolar de Galicia pasara inadvertido. Precisamente, grazas a ese intenso debate a Administración educativa tivo en conta o punto que todas as propostas compartían: ampliación do horario de Educación Física.
Reproducimos a carta que a Administración educativa lles fixo chegar a todos os membros do Consello Escolar de Galicia.

Aos membros do Consello Escolar:

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de analizar na última semana as distintas opinións que espertou o borrador de decreto de currículo de bacharelato entre a comunidade educativa. Así, logo de avaliar as emendas presentadas a este documento no Consello Escolar de Galicia e tendo en conta o parecer xeneralizado da comunidade educativa, a Administración educativa acordou incrementar unha hora máis a materia de Educación Física, que deste xeito pasa a ter 2 horas semanais en primeiro curso de bacharelato, e establecer a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo en 2 horas semanais.

Segundo a análise realizada da reunión do Pleno do Consello Escolar de Galicia, o incremento do horario semanal de Educación Física era o común denominador de todas as emendas presentadas ao horario de bacharelato, polo que a Administración decidiu atender esta demanda logrando así un maior consenso en torno ao proxecto de decreto de currículo de bacharelato.

A Consellería de Educación quere destacar o máximo respecto que sempre tivo polas consideracións realizadas desde os distintos órganos de participación e consulta nos que está representada a comunidade educativa.

O incremento horario da materia de Educación Física xunto coa opinión de que o alumnado non debe ver incrementada a súa carga horaria semanal máis aló das 32 horas actuais son as principais consideracións nas que coinciden toda a comunidade educativa.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere lembrar que o proxecto de decreto de currículo de bacharelato regula as ensinanzas que a Lei Orgánica de Educación determina para esta etapa educativa. Neste sentido, o borrador de decreto de bacharelato reflicte unhas ensinanzas actuais e acordes coa sociedade actual.

O proxecto de decreto de currículo de bacharelato será enviado ao Consello Consultivo de Galicia para o seu informe antes de ser aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia. Segundo o calendario de aplicación da LOE, está previsto que o novo currículo entre en vigor no próximo curso 2008/2009.

Agradézolle de antemán a súa colaboración no desenvolvemento deste proxecto.

No hay comentarios.: