A día de hoxe, levamos desenvolvidas xa dez reunións en distintas localidades con membros dos consellos escolares de centro e municipais. Van máis de 1.600 asistentes. Fomentamos a participación de todos os sectores da comunidade educativa xa que consideramos que sen ela non é posible mellorar a calidade do ensino. A participación non soamente é necesaria, senón que ademais é posible, pero presenta moitos atrancos.
Algúns deses atrancos que nós detectamos son:
- Escasa participación dos pais e nais nos procesos electorais.
- No seo dos consellos escolares danse certas situacións de desconfianza entre sectores, a pesar de que os obxectivos son os mesmos.
- Non se lles facilita suficiente formación e información, especialmente ao sector das familias.
- Dende o punto de vista de que participamos na medida en que teñamos capacidade de tomar decisións, existe unha queixa xeralizada de que a participación está limitada a temas intranscendentes e moitas veces xa decididos anteriormente.
- Non se facilita a participación do alumnado.
- O papel que na participación xogan os equipos directivos e tamén as titorías é fundamental. Na medida de cal sexa o seu compromiso e a súa firmeza no desenvolvemento deste, así funcionará o consello escolar.
- A representación dos distintos sectores no consello escolar non é a máis equitativa.
- As canles de comunicación entre as familias e a escola non son as máis axeitadas.
Consideramos que as metas dos centros educativos deben ser deliberadas e acordadas pola comunidade educativa. Sen esa participación real e efectiva non acadaremos a necesaria mellora educativa.
Dediquémonos a achegar solucións.
Xoán Seca.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario