viernes, 27 de abril de 2007

A XORNADA ESCOLAR

A converxencia na Unión Europea obriga ás administracións educativas dos países membros a mellorar a calidade e a eficacia dos sistemas educativos e de formación. Isto implica mellorar a capacitación dos docentes, desenvolver as aptitudes necesarias para a sociedade do coñecemento, garantir o acceso de todos ás tecnoloxías da información e da comunicación, aumentar a matrícula nos estudos científicos e técnicos, mellorar a aprendizaxe de idiomas estranxeiros e aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles, construíndo contornos abertos de aprendizaxe, facendo máis atractiva e impulsando a cidadanía activa, a igualdade de oportunidades e a cohesión social.

Entendemos que neste marco de mellora educativa e de converxencia cos países do noso contorno xorde a resolución da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria con relación ao calendario escolar para o vindeiro curso. Nel destaca a implantación da mesma xornada escolar para o alumnado dende o 12 de setembro ao 20 de xuño.

Pois ben, o Consello Escolar de Galicia vén de realizar unha serie de encontros pola xeografía galega con membros de consellos escolares municipais e de centros docentes coa fin de fomentar a participación de todos os sectores da comunidade educativa no proceso de mellora da calidade do ensino e de coñecer de primeira man a súa opinión sobre os temas educativos de actualidade que lles preocupan. Esta circunstancia permitiunos reflexionar sobre a xornada escolar.

Con relación ao horario, Galicia e as outras CC AA do país están na media europea en canto ao número de días lectivos anuais e tamén en carga horaria, pero non o está con relación ao éxito escolar. Ante esa circunstancia, hai sectores que valoran positivamente a resolución de implantación da mesma xornada escolar de setembro a xuño por considerar que esta medida harmoniza e lle dá coherencia á distribución da carga lectiva das materias, favorecéndolle deste xeito a súa aprendizaxe ao alumnado e, polo tanto, o éxito escolar.

Sen embargo, existen algunhas voces críticas contra esta medida. Afirman que debido a diversas circunstancias, entre as que destacan as razóns climatolóxicas, o rendemento escolar do alumnado nos meses de setembro e xuño non se verá favorecido. Hai que subliñar que o profesorado crítico non cuestiona expresamente a súa xornada laboral, soamente alega razóns de tipo pedagóxico.

No que se refire ao tipo de xornada, unha pequena análise da situación no resto das comunidades autónomas lévanos a comprobar que hai comunidades nas que non reducen a xornada en todo o curso (Andalucía, Baleares, Estremadura) e en Autonomías coma Asturias, Cataluña, Cantabria, Madrid e País Vasco dáselles aos centros a posibilidade da redución horaria, previa solicitude fundamentada e aprobada polo consello escolar.

A organización actual da xornada escolar é unha herdanza do pasado que non garante unha mellor calidade do ensino e que non responde á actual organización social das familias que precisan de estruturas máis flexibles capaces de dar resposta ás súas necesidades (comedores escolares, transporte, actividades complementarias, formación permanente das persoas adultas...). Neste sentido, o calendario proposto pola Consellería abre unha nova posibilidade de homoxeneización horaria en todo o curso o cal non implica unha xornada escolar uniforme na que o horario do profesorado, do centro e do alumnado coincida na súa totalidade.

Non obstante, e na procura de maiores índices de éxito escolar que nos acheguen aos obxectivos europeos, poderíaselles prestar atención ás particularidades específicas dos centros e contando co acordo maioritario da comunidade escolar, caberían outras posibilidades encadradas no exercicio real da autonomía organizativa de cada centro.




Milagros Blanco

domingo, 15 de abril de 2007

A participación nos consellos escolares ten moitos atrancos

A día de hoxe, levamos desenvolvidas xa dez reunións en distintas localidades con membros dos consellos escolares de centro e municipais. Van máis de 1.600 asistentes. Fomentamos a participación de todos os sectores da comunidade educativa xa que consideramos que sen ela non é posible mellorar a calidade do ensino. A participación non soamente é necesaria, senón que ademais é posible, pero presenta moitos atrancos.
Algúns deses atrancos que nós detectamos son:
  • Escasa participación dos pais e nais nos procesos electorais.
  • No seo dos consellos escolares danse certas situacións de desconfianza entre sectores, a pesar de que os obxectivos son os mesmos.
  • Non se lles facilita suficiente formación e información, especialmente ao sector das familias.
  • Dende o punto de vista de que participamos na medida en que teñamos capacidade de tomar decisións, existe unha queixa xeralizada de que a participación está limitada a temas intranscendentes e moitas veces xa decididos anteriormente.
  • Non se facilita a participación do alumnado.
  • O papel que na participación xogan os equipos directivos e tamén as titorías é fundamental. Na medida de cal sexa o seu compromiso e a súa firmeza no desenvolvemento deste, así funcionará o consello escolar.
  • A representación dos distintos sectores no consello escolar non é a máis equitativa.
  • As canles de comunicación entre as familias e a escola non son as máis axeitadas.

Consideramos que as metas dos centros educativos deben ser deliberadas e acordadas pola comunidade educativa. Sen esa participación real e efectiva non acadaremos a necesaria mellora educativa.

Dediquémonos a achegar solucións.

Xoán Seca.

martes, 13 de febrero de 2007

¿Participación?


Participar é tomar parte activa na construción, desenvolvemento e avaliación dun proxecto. A participación é un dereito democrático que nos vén da condición de cidadáns, de membros dunha comunidade educativa e de axentes da propia formación, pero ademais é un deber: temos a obriga de participar na construción dunha escola mellor, dunha sociedade mellor.
A participación esixe compromiso, esforzo continuado e tamén xenerosidade. Compromiso e xenerosidade para buscar o consenso, o acordo, os puntos comúns básicos sobre os que substentar calquera proxecto.
A intención deste "blog" é a de centrarse na participación de toda a comunidade educativa na organización, funcionamento, xestión e avaliación dos centros escolares co obxectivo de acadar a mellora da calidade do ensino.
Alumnos, profesores, pais, nais... Todos temos algo importante que dicir e que debe ser tido en conta.
Non te manteñas á marxe, ¡participa!