martes, 13 de mayo de 2008

CAMBIOS NA DISTRIBUCIÓN HORARIA DE BACHARELATO

No ditame que o Consello Escolar de Galicia lle remitiu á Administración educativa sobre o Proxecto de decreto de bacharelato non se incluíu ningunha proposta que contemplase cambios na distribución horaria, malia existir seis propostas diferentes, aínda que finalmente soamente se votaron tres. E non se incluíu porque ningunha delas acadou o número de votos favorables necesarios. Non obstante, iso non significou que o debate que se levou a cabo na sesión plenaria do Consello Escolar de Galicia pasara inadvertido. Precisamente, grazas a ese intenso debate a Administración educativa tivo en conta o punto que todas as propostas compartían: ampliación do horario de Educación Física.
Reproducimos a carta que a Administración educativa lles fixo chegar a todos os membros do Consello Escolar de Galicia.

Aos membros do Consello Escolar:

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de analizar na última semana as distintas opinións que espertou o borrador de decreto de currículo de bacharelato entre a comunidade educativa. Así, logo de avaliar as emendas presentadas a este documento no Consello Escolar de Galicia e tendo en conta o parecer xeneralizado da comunidade educativa, a Administración educativa acordou incrementar unha hora máis a materia de Educación Física, que deste xeito pasa a ter 2 horas semanais en primeiro curso de bacharelato, e establecer a materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo en 2 horas semanais.

Segundo a análise realizada da reunión do Pleno do Consello Escolar de Galicia, o incremento do horario semanal de Educación Física era o común denominador de todas as emendas presentadas ao horario de bacharelato, polo que a Administración decidiu atender esta demanda logrando así un maior consenso en torno ao proxecto de decreto de currículo de bacharelato.

A Consellería de Educación quere destacar o máximo respecto que sempre tivo polas consideracións realizadas desde os distintos órganos de participación e consulta nos que está representada a comunidade educativa.

O incremento horario da materia de Educación Física xunto coa opinión de que o alumnado non debe ver incrementada a súa carga horaria semanal máis aló das 32 horas actuais son as principais consideracións nas que coinciden toda a comunidade educativa.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere lembrar que o proxecto de decreto de currículo de bacharelato regula as ensinanzas que a Lei Orgánica de Educación determina para esta etapa educativa. Neste sentido, o borrador de decreto de bacharelato reflicte unhas ensinanzas actuais e acordes coa sociedade actual.

O proxecto de decreto de currículo de bacharelato será enviado ao Consello Consultivo de Galicia para o seu informe antes de ser aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia. Segundo o calendario de aplicación da LOE, está previsto que o novo currículo entre en vigor no próximo curso 2008/2009.

Agradézolle de antemán a súa colaboración no desenvolvemento deste proxecto.

lunes, 5 de mayo de 2008

ACTAS DAS SESIÓNS DO CONSELLO ESCOLAR DE GALICIA

As actas das sesións plenarias do Consello Escolar de Galicia son aprobadas na sesión posterior á realizada, polo tanto e mentres non se desenvolva a seguinte sesión a acta (neste caso da sesión na que se debateu o Proxecto de decreto do bacharelato) non será válida. Xunto coa convocatoria de reunión todos os membros do Consello Escolar de Galicia reciben a copia da acta (provisoria) da sesión anterior para que introduzan os cambios oportunos, se os houber, e se produza así a súa aprobación, se procede.

O PROXECTO DE DECRETO DE BACHARELATO NO CONSELLO ESCOLAR DE GALICIA

O único obxectivo que ten este artigo é proporcionar información e datos sobre o proceso que seguiu o Proxecto de decreto que regula o bacharelato en Galicia no Consello Escolar de Galicia, máximo órgano de participación e consulta en materia educativa.

Antes de nada, convén recordar que no Consello Escolar están representados todos os sectores da sociedade galega a través de diferentes persoas, institucións e organizacións e que cada unha delas ten os seus mecanismos para oír e ter en conta ou non as opinións das persoas que forman parte do sector ao que representan. Por exemplo, o profesorado está representado a través dos seus representantes sindicais, os pais e nais de alumnos a través das federacións e confederacións de APAs, etc. Cada organización, polo tanto, presenta emendas, deféndeas e apoia ou non outras propostas segundo o seu propio criterio. O Consello Escolar de Galicia é a suma de todos eles. Cómpre, en calquera caso, consultar na páxina web do Consello Escolar a súa composición (organigrama).

Nove organizacións e dúas persoas a título individual presentaron un total de 152 emendas ao Proxecto de decreto de Bacharelato que a Administración educativa achegou ao Consello Escolar. Máis da metade desas emendas estaban relacionadas con aspectos do currículo das distintas materias, e especialmente coas materias de Lingua Galega e Literatura, Historia e Filosofía. Sobre o anexo II (distribución horaria) había nun primeiro momento 6 propostas de substitución.

Na Comisión Permanente do Consello Escolar de Galicia (formada por representantes do profesorado, da Administración local, dos pais e nais de alumnos, os presidentes das Comisións de Ordenación do Sistema Educativo e de Programación, Construción e Equipamento, a vicepresidenta e o secretario) elaborouse un Ditame provisorio con aquelas emendas que acadaron o consenso necesario. Incluíuse un punto no dito ditame que expresaba a preocupación do Consello Escolar de Galicia pola elaboración duns currículos demasiado extensos e inalcanzables. Tamén recollía todas as emendas presentadas referidas ao anexo I (contidos, obxectivos... de cada unha das materias) para que o equipo técnico redactor dos currículos os tivese en consideración. Garantíase así a posibilidade de que todas as achegas foran estudadas e non soamente aquelas aceptadas pola maioría. Considerouse oportuno non incluír ningunha modificación na distribución horaria para que as seis propostas presentadas foran debatidas en pleno e, dese xeito, incluír aquela que obtivese máis respaldo, aquela que lograse o maior consenso.

Na sesión plenaria do día 28 de abril debatéronse todas as emendas que as distintas organizacións presentaron (agás as relacionadas cos currículos das materias xa que todas foron incluídas no punto 13 do ditame definitivo). No caso das propostas de modificación do anexo II: distribución horaria, por decisión dos distintos emendantes, quedaron para o debate tres propostas, concretamente e por orde de presentación: a de FETE-UGT, a de CIG e a de CECE-GALICIA.

Os resultados obtidos por cada unha desas propostas foi o seguinte:

PROPOSTA:-VOTOS A FAVOR-VOTOS EN CONTRA-ABSTENCIÓNS
FETE-UGT: - 8- 14 - 8
CIG: - 3 - 23 - 6
CECE-GALICIA: -11 - 12 - 9

Como ningunha das propostas conseguiu o número de votos favorables precisos, no ditame definitivo non se incluíu ningunha modificación horaria.

Finalmente, o ditame definitivo (que se pode consultar na páxina web do Consello) foi aprobado con 19 votos favorables, 8 desfavorables e 2 abstencións.

lunes, 21 de abril de 2008

TRANSPARENCIA E PARTICIPACIÓN

Nestes momentos, o Consello Escolar de Galicia está a seguir o proceso de elaboración dun ditame sobre o Proxecto de decreto de bacharelato. Os membros (11 entidades representadas no Consello) do pleno presentaron ata estes momentos 148 emendas ao dito Proxecto. A finais do mes de abril reunirase o Consello Escolar en sesión plenaria para elaborar o ditame definitivo sobre o Proxecto de decreto. Non lle corresponde ao Consello Escolar de Galicia facer pública a postura que cada entidade, institución, colectivo ou organización representada nel manteñen. Cando o pleno do Consello Escolar aprobe definitivamente o seu Ditame sobre o Proxecto, farase público e estará ao dispor de toda a comunidade na súa páxina web (como acontece con todos os seus ditames). Se alguén desexa saber cal é a postura, as emendas, suxestións... concreta de calquera das organizacións representadas no máximo órgano de consulta e participación de Galicia en materia educativa, terá que dirixirse a elas. Transparencia e participación non significa proporcionar datos e posturas de réxime interno que non dependen do Consello e si de cada entidade ou persoa que as presenta.

lunes, 3 de diciembre de 2007

PARA ACCEDER AO INFORME SOBRE PARTICIPACIÓN

O informe "A participación da comunidade educativa na mellora da calidade do ensino" está ao dispór de todos na páxina web do Consello Escolar de Galicia (entrando en "Consellería", "órganos colexiados", "Consello Escolar de Galicia", "publicacións", "Informes").
Tendo en conta as consideracións sobre os aspectos máis determinantes no funcionamento dos consellos escolares de centros de ensino non universitario presentamos a seguinte táboa con indicadores de boas prácticas que cremos contribuirán a mellorar a participación de todos os sectores da comunidade educativa no funcionamento e goberno dos centros.

INDICADORES DE BOAS PRÁCTICAS NO FUNCIONAMENTO DOS
CONSELLOS ESCOLARES DE CENTROS EDUCATIVOS


ELECCIÓNS:
• O horario das votacións establécese en distintas bandas horarias.
• A comunicación proporciónaselles a todos os sectores por varias canles.
• Organízanse actos para fomentar a participación.
• Permítese o voto por correo.

COMPOSICIÓN:
• Procúrase que no Consello estean representados todos os sectores na súa totalidade e que exista a estabilidade que posibilita a lexislación.
REUNIÓNS :
• Desenvólvese máis dunha reunión por trimestre.
• Planifícase o calendario de reunións e a orde do día coa participación de todos os sectores.
• Convócanse as reunións con suficiente antelación.
• Adáptanse os horarios tendo en conta as necesidades da maioría dos membros.
• As sesións desenvólvense nun clima de traballo distendido e nun ambiente de participación e colaboración fomentando o respecto e a tolerancia.

INFORMACIÓN:
• Facilítase, xunto coa convocatoria, a copia da acta da reunión anterior e toda a documentación precisa sobre os temas a tratar.
• Os membros do Consello coñecen os aspectos lexislativos fundamentais para o desenvolvemento das súas funcións.

TOMA DE DECISIÓNS:
• Tómanse decisións, faise o seguimento e avalíanse os resultados.
• O equipo directivo aplica os acordos do Consello.
• Cada sector presenta as súas propostas de traballo.
• Desenvólvense sesións previas e posteriores en cada sector para preparar as reunións e dar conta das decisións tomadas.
• Hai vontade de consenso e os distintos sectores non manteñen posturas inamovibles.

FUNCIÓNS:
• Os distintos sectores representados coñecen cales son as súas funcións e a materia lexislativa básica pola que se rexen estes órganos colexiados.
• Cúmprense os pasos a dar para a elaboración dos principais documentos do centro: Proxecto Educativo, Programación Xeral Anual e Regulamento de Réxime Interno.
• Particípase na elaboración da Memoria Anual, a cal leva incluída a necesaria avaliación tanto interna coma externa.
• Tómanse decisións tendo en conta o posto de manifesto na Memoria Anual.

martes, 20 de noviembre de 2007

A PARTICIPACIÓN DA COMUNIDADE EDUCATIVA NA MELLORA DA CALIDADE DO ENSINO

O sábado 17 de novembro desenvolveuse na EGAP, Santiago de Compostela, a xornada A participación da comunidade educativa na mellora da calidade do ensino. O informe sobre participación que se presentou aparecerá no portal educativo o máis axiña posible, como tamén as intervencións dos relatores e participantes.

lunes, 1 de octubre de 2007

XORNADA "A participación da comunidade educativa na mellora da calidade do ensino"

Para dar cumprida resposta a unha anónima petición podemos adiantar que o sábado 17 de novembro de 2007 desenvolveremos no salón da actos da EGAP en Santiago de Compostela a xornada sobre PARTICIPACIÓN anunciada en abril de 2007. Axiña achegaremos o programa e as follas de inscrición a todos os centros educativos; tamén daremos cumprida información a través das páxinas do Consello Escolar de Galicia no portal educativo. Podemos adiantar que na xornada de mañá faremos unha breve e sinxela presentación de todos os temas que fomos recollendo ao longo das doce xuntanzas mantidas por toda Galicia con preto de dous mil asistentes e participaremos de dous relatorios: un de Mariano Fernández Enguita , "A escola a exame" e outro de Guillermo Ballenato "Educar sen berrar". A tarde dedicarémola a desenvolver oito grupos de traballo sobre os temas máis demandados nas reunións baixo a coordinación de Florencio Luengo e Mariano Fernández Enguita para logo rematar cunha mesa de debate e conclusións moderada por Milagros Blanco Pardo, a vicepresidenta do Consello Escolar de Galicia. Como se pode observar, o noso intento é que a xornada sexa eminentemente participativa e práctica e que nos permita acadar conclusións útiles.